26 Novembro, 2026
O goberno local de Camariñas proporá este venres no pleno ordinario a creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra as Violencias Machistas, un órgano co que o Concello pretende dar unha resposta integral ás desigualdades e cumprir co mandato da renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Segundo recolle a proposta, nun concello rural e costeiro como Camariñas hai factores que dificultan que as vítimas pidan axuda, como a dispersión poboacional, o envellecemento, as dificultades de mobilidade, a dependencia económica ou o control social. Neste contexto, a actuación illada dos servizos resulta insuficiente, e cómpre traballar en rede para garantir a detección temperá e evitar a revitimización.
A Mesa estará presidida pola Alcaldía, a cargo de Sandra Insua, e a vicepresidenta será a concelleira de Igualdade, Begoña Tajes. Terá como integrantes: Servizos Sociais municipais; Garda Civil e Policía Local; Centro de Saúde de Camariñas; os tres centros educativos do municipio (CEIP Ponte do Porto, CEIP O Areal e IES Pedra da Aguia); o persoal do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Muxía; e a Delegación e a Subdelegación do Goberno.
A proposta diferencia claramente entre dous niveis de traballo. O Pleno da Mesa reunirase ordinariamente polo menos dúas veces ao ano e traballará con datos agregados e anonimizados. Por súa banda, a Comisión Técnica de Seguimento estará integrada exclusivamente polas persoas profesionais con intervención directa en cada caso concreto, co fin de garantir a máxima confidencialidade.