02 Novembro, 2026
Hoxe, venres 30 de outubro, deu comezo o proxecto “Sementando Memoria”. Dúas xornadas nas que o Concello de Camariñas pretende dignificar ás persoas represaliadas polo golpe de estado de 1936 e a ditadura franquista, así como promover o coñecemento da historia local e os valores democráticos entre a cidadanía.
A programación comezou hoxe, venres 30 de outubro, ás 12:00 horas cunha ofrenda floral no Memorial da Ponte do Porto, seguida ás 12:45 horas dunha Ruta da Memoria co alumnado do IES Pedra da Aguia guiada por Rafael Lema. Esta mesma tarde, ás 19:00 horas, o Centro Cultural da Ponte do Porto (Casino) acollerá a presentación do libro "A República e a Guerra Civil en Camariñas" a cargo do propio Lema, pechando a xornada coa proxección do documental "Ezkaba: La gran fuga de las cárceles franquistas". Os actos continuarán mañá, sábado 31, ás 10:00 horas coa ofrenda floral e a inauguración da Avenida das palilleiras, para rematar ás 11:00 horas no Faro Vilán cunha conferencia sobre a represión franquista na Costa da Morte impartida por Luís Lamela García e a posterior proxección do documental "La red Ponzán".
Sementando memoria
O proxecto abarca diversas liñas de actuación, comezando pola supresión de simboloxía contraria á memoria democrática no rueiro municipal. Ademais, instalouse un panel informativo de memoria democrática na Ponte do Porto, que inclúe o contexto histórico, a listaxe de persoas represaliadas, o mapa do roteiro e a explicación do funcionamento do sendeiro.
A innovación tecnolóxica tamén é protagonista coa creación do Sendeiro da Memoria da Ponte do Porto, configurado como un recurso permanente de interpretación. Trátase dun roteiro dixital con realidade aumentada xeolocalizada a través da plataforma ONIRIX. A nivel divulgativo, o proxecto tamén contempla a edición da publicación “Sementando memoria”, que recolle biografías das vítimas e un estudo histórico da represión no ámbito local.