Camariñas, protagonista do novo capítulo do proxecto documental “ORÍGE”S” que se estrea este mércores

  • A peza audiovisual, que retrata a alma da Costa da Morte a través dos seus oficios e xentes, gravouse na súa meirande parte na vila camariñana e estrearase o mércores 22 de xullo ás 20:00 h en YouTube.
  • O Concello, que colabora na difusión da iniciativa, anima á veciñanza a gozar dun documental que pon en valor ás nosas mariscadoras, ás palilleiras e a proxectos vitais locais.

 

Mañá, mércores, 22 de xullo, ás 20:00 horas, Camariñas será o gran protagonista da estrea do segundo capítulo de ORÍGENS, un coidado proxecto documental independente que viaxou ata Galicia para dar voz ás persoas que manteñen vivos os oficios, a memoria e as formas de vida ligadas ao territorio na Costa da Morte.

 

Tras un primeiro capítulo rodado no interior da Comunidade Valenciana, ORÍGENS desprazouse á nosa comarca cunha rodaxe que tivo lugar durante unha semana. A maior parte do documental gravouse nas rúas, no mar e nas casas de Camariñas e as súas parroquias, aínda que o equipo tamén percorreu outros recunchos de Muxía e Vimianzo.

 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destaca que “dende o Concello amosar o noso orgullo por ter colaborado coa difusión desta iniciativa, xa que a peza achégase de forma moi humana e pausada á nosa esencia: o mar, o noso inestimable encaixe, a cociña de proximidade e a riqueza da vida rural”.

 

O que fai verdadeiramente especial a este proxecto son os seus protagonistas. A través de diferentes testemuños, o documental permítenos escoitar e emocionarnos coa historia de veciños e veciñas fundamentais para entender Camariñas hoxe en día. Entre eles atópanse Yaqui Lista, mariñeira e mariscadora; Lola, palilleira que mantén viva a arte fío a fío; e Sara e Dani, impulsores de Agocho do Bico, un marabilloso proxecto gastronómico que nace desde a valente e necesaria decisión de volver ao rural para construír vida no noso territorio.

 

"Foi unha experiencia única. Ter a oportunidade de que persoas que non te coñecen de nada abran as portas da súa casa, do seu oficio ou do seu negocio para contar a súa historia é algo que dá sentido a todo o proxecto", explica con emoción Jaume Bernabeu, creador, impulsor e financiador desta iniciativa independente.

 

O obxectivo de ORÍGENS é dar visibilidade e voz ás zonas rurais, amosando de forma visual as historias que moitas veces quedan fóra do foco mediático, todo iso fuxindo do contido rápido e fugaz que impera hoxe en día.

 

Cando e onde velo?

 

O capítulo ORÍGENS · A Costa da Morte estrearase este mércores, 22 de xullo, ás 20:00 h de forma totalmente gratuíta e aberta na canle de YouTube Orígens Documental. O enlace tamén estará dispoñible a través das redes sociais do proxecto e do propio Concello.

 

Dende o Concello de Camariñas animamos a toda a veciñanza a non perder esta estrea, a gozalo en familia e a compartilo para que o orgullo polo noso pobo, a nosa ría e as nosas xentes chegue o máis lonxe posible!

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net