Sefy Carril recibe o galardón de “Camariñana do Ano” nunha emotiva homenaxe pública

  • A recoñecida veciña e reporteira local convértese na primeira muller en recibir esta distinción, enmarcada na programación das Festas do Carme.
  • A alcaldesa, Sandra Insua, destacou o labor desinteresado da galardoada: "Sefy pasou a ser absolutamente indispensable no día a día do noso pobo"
  • Ao remate do acto institucional tivo lugar a tradicional Mini Danza de Arcos, que partiu desde a mesma praza.

 

A Praza da Insuela vestiuse hoxe de gala para acoller un dos actos máis agardados e emotivos da programación das Festas do Carme: a entrega do premio ao "Camariñán do Ano". Unha edición que pasará á historia local xa que, por primeira vez desde a creación deste recoñecemento por parte da Comisión de Festas, o galardón recaeu nunha muller, pasando a ser con todo o orgullo a "Camariñana do Ano".

 

A homenaxeada desta edición foi Sefy Carril Rodríguez, unha veciña moi querida e coñecida por todos pola súa inesgotable implicación na vida social, deportiva e cultural da vila, así como polo seu labor como reporteira espontánea, retransmitindo en directo a través do seu teléfono móbil cada evento e actividade que ten lugar no municipio.

 

Durante o acto, que congregou a numerosos veciños e visitantes na praza, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, dedicoulle unhas sentidas palabras á galardoada, poñendo en valor o seu traballo na sombra e a súa disposición constante para colaborar coa comunidade.

 

"Hoxe é un día histórico. Por fin, e despois de tantas edicións entregando o premio, hoxe temos o inmenso orgullo de cambiar a vogal e dicir, con todas as letras: Camariñana do Ano. Xa era hora de que o galardón recaese nunha muller", reivindicou a rexedora no seu discurso.

 

A alcaldesa quixo destacar a figura de Sefy como un alicerce fundamental para o pobo: "É desas persoas marabillosas que, case sen darse conta, pasou a ser absolutamente indispensable no día a día. Cando hai calquera evento e non a vemos, todos empezamos a preguntarnos: “Onde estará Sefy? Pasaríalle algo?”. E a resposta é sempre non; se Sefy non está alí é porque está noutro sitio axudando: botando unha man no fútbol, colaborando cunha comisión ou traballando arreo onde faga falta".

 

Ademais, Sandra Insua agradeceu publicamente o seu papel como difusora do patrimonio e da cultura de Camariñas a través das redes sociais. "Coa túa naturalidade e a túa espontaneidade, estás a facer un traballo impagable: difundir o noso patrimonio e conectar aos que están lonxe coa súa terra. Grazas, Sefy, por facer visible a vida sinxela do noso Camariñas", concluíu a alcaldesa, felicitando tamén á Comisión de Festas do Carme polo enorme acerto na súa designación.

 

Tras a ovación á nova Camariñana do Ano e a entrega do galardón, a xornada festiva continuou enchendo de cor e tradición o centro da vila. Dende a mesma Praza do Concello, deuse saída á espectacular Mini Danza de Arcos. Os máis pequenos e pequenas do municipio foron os encargados de tomar a testemuña, demostrando que o relevo xeracional das tradicións mariñeiras da vila está máis que garantido.

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net