29 Xuño, 2026
O Concello de Camariñas celebrou hoxe, sábado 27 de xuño, un pleno extraordinario que contou cun único punto na súa orde do día: o nomeamento de don Marcial Mouzo Vidal como Fillo Predilecto da vila. Este acto, revestido dunha especial relevancia institucional e protocolaria, serviu para outorgar unha das máximas distincións honoríficas da Corporación Local, recoñecendo así os méritos excepcionais e os servizos de singular transcendencia prestados por Marcial Mouzo ao municipio e aos seus veciños.
Nado en Camariñas no ano 1961 , Marcial Mouzo xubilouse recentemente pechando unha brillante etapa logo de 41 anos de traxectoria nos micrófonos da Radio Galega. Dende o ano 1996, o comunicador estivo á fronte de “Pensando en ti” , o exitoso programa das madrugadas co que fixo compañía a panadeiros, transportistas, mariñeiros, xente da diáspora e a tantas persoas nas horas máis silenciosas do día.
Malia desenvolver o seu traballo fóra da vila, Mouzo exerceu sempre como un auténtico embaixador de Camariñas , fortalecendo a proxección de toda a Costa da Morte e levando o nome do seu pobo natal por toda Galicia.
Unha homenaxe á súa calidade humana e ao seu labor identitario
Durante a sesión plenaria, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, pronunciou un emotivo discurso no que se dirixiu directamente ao homenaxeado para transmitirlle o agarimo de toda a veciñanza. "Hoxe é un día deses que quedan marcados na historia da nosa vila. Un día onde a corporación municipal e todo o pobo de Camariñas se xuntan para facer xustiza", asegurou a rexedora.
Insua quixo poñer en valor que esta distinción vai máis alá dos seus fitos laborais: "Este recoñecemento non é só pola túa brillante traxectoria profesional, senón polo teu gran labor de difusión dos nosos valores, da nosa cultura e, por riba de todo, da nosa identidade como camariñáns", sinalou.
A alcaldesa lembrou a fonda pegada social que o xornalista deixou nos seus oíntes tras corenta anos na radio: "Fixeches das nosas madrugadas algo menos solitarias. Creaches unha verdadeira familia arredor das ondas do radio", subliñou.
Para finalizar a súa intervención neste histórico pleno, Sandra Insua agradeceulle a súa lealdade inquebrantable ás súas raíces: "Fuches, e es, o noso mellor embaixador. Levas o nome do noso pobo por toda Galicia e levas, tamén, a nosa querida Costa da Morte no corazón e nas túas palabras", concluíu.