Ondas do Mar leva o encaixe de Camariñas aos Premios Artesanía de Galicia coa gargantilla “Mar de Hielo”

Ondas do Mar leva o encaixe de Camariñas aos Premios Artesanía de Galicia coa gargantilla “Mar de Hielo”

  • A artesá Josefina Campaña ven de participar na pasarela de Grandes Deseñadores da Mostra do Encaixe.
  • A peza única, elaborada con fíos especiais durante máis de tres meses, é un tributo a todos os homes do mar e, especialmente, ao seu pai, Ramón Campaña “O Ulludo”.

 

A artesá Josefina Campaña, á fronte da firma Ondas do Mar que participou por primeira vez no desfile de Grandes Deseñadores da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, levou o encaixe aos Premios Artesanía de Galicia cunha peza única: a gargantilla “Mar de Hielo”.

 

Esta peza é moito máis ca unha xoia de vangarda; é unha sentida homenaxe. Tal e como explica a propia creadora, o colar está dedicado "a todos os mariñeiros que xa non están, que marcharon por desgraza no mar ou aos que xa lles tocou irse, e aos que quedan a día de hoxe". Pero, por riba de todo, é un tributo moi persoal ao seu pai, o mariñeiro Ramón Campaña, coñecido na vila co alcume de “O Ulludo”.

 

A elaboración desta gargantilla exclusiva levou máis de tres meses de intenso traballo no taller, empregando fíos especiais para acadar o espectacular resultado final.

 

Unha vida ligada ao mar

 

O vínculo de Josefina co mar vai moito máis alá da estética da súa marca. Filla e familiar de mariñeiros —pertence á coñecida familia dos Campaña de Camariñas—, a artesá, ademais de ser profesora de palillo e ter estudado tres anos de deseño, conta co título de patrón e motorista de barco. "Nun principio da miña vida quería ser mariñeira. A día de hoxe a vida cambiou, conseguín saír de cousas tristes, logrei poñer fío ás ondas do mar e dedicarlle a meu pai esta gargantilla", confesa emocionada.

 

“Mar de Hielo” convértese así no testemuño físico dese inmenso amor polas raíces. Este mesmo sentimento foi o que a levou a dedicarlle tamén ao seu pai o seu recente libro, De nena, artesá a muller.

 

Tras o frenesí da Mostra e o recoñecemento do seu traballo, Josefina agarda agora compartir esta xoia para "ensinarlle ao mundo enteiro a gargantilla Mar de Hielo", demostrando unha vez máis que o Encaixe de Camariñas é unha arte viva capaz de contar as historias máis profundas e auténticas da Costa da Morte.

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net