Nerea Pallares, con “Punto de Araña” e Anxo Mouzo, con “A Princesa Dourada”, estrean as presentacións literarias da XXXV Mostra do Encaixe

  • Mañá, venres 3 de abril, e o sábado, 4 de abril, continuarán Diego Garrote, Alfonso de Sas, Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández.

 

Hoxe, xoves 2 de abril, comezaron as presentacións literarias da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Os autores protagonistas da xornada foron Nerea Pallares, coa súa obra “Punto de Araña” e Anxo Mouzo, con “A Princesa Dourada”.

 

“Punto de Araña”, de Nerea Pallares, xa foi galardoada co Premio García Barros. Esta obra mergúllanos nun relato mariñeiro e coral ambientado na nosa Costa da Morte, tecido coas voces de tres xeracións de mulleres. É unha verdadeira e fermosa homenaxe ás mans que traballan en silencio e que tecen as redes invisibles que nos sosteñen.

 

A alcaldesa, Sandra Insua, destacou que desde o Concello “sentimos moito orgullo de ver reflectida nesta obra a esencia da nosa xente e o espírito das nosas mulleres, algo que conecta profundamente co labor incansable das nosas propias palilleiras”.

 

Por outro lado, “A Princesa Dourada”, é a primeira novela do veciño de Camelle, Anxo Mouzo Moreira. Esta obra de fantasía xuvenil mestura maxistralmente a maxia e a épica coa vida cotiá da Costa da Morte. Nesta historia Xosé e Marica amosan que as grandes aventuras e os reinos fantásticos tamén poden nacer das nosas rúas e da nosa xente.

 

“Sentiamos un orgullo inmenso ao ver como as novas xeracións levan o nome da nosa terra á literatura e demostran a súa capacidade para crear mundos imaxinarios sen perder a raíz da súa terra natal. É un verdadeiro luxo apoiar e dar voz a creadores coma el”, indicou a rexedora.

 

Próximas presentacións

 

A programación literaria continuará o venres 3 de abril ás 12:00 horas coa presentación de “Ángeles acusadores” a cargo do seu autor, Diego Garrote.

 

O sábado 4 de abril o recinto acollerá dúas novas citas. Ás 11:40 horas, Alfonso de Sas presentará “1898 – El padre ausente”, a última parte da triloxía de “El Cementerio de los Ingleses”. Por último, ese mesmo sábado ás 12:00 horas, presentarase “A Costa da Morte, naturalmente única” de Xan Fernández Carrera e Antonio Fernández, un acto que correrá a cargo de Pepe Formoso.

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net