Camariñas promocionará en FITUR o impoñente paraíso que alberga a zona de Trece, Reira e Vilán

Camariñas promocionará en FITUR o impoñente paraíso que alberga a zona de Trece, Reira e Vilán

  • Sandra Insua presentará o mércores 21 de xaneiro, no stand de Turespaña, a campaña turística para 2026 e a trixésimo quinta edición da Mostra.
  • O vídeo turístico lucirá nas pantallas do Teatro Lope de Vega na Gran Vía madrileña durante toda a semana.
  • Tamén se estreará en Fitur a camiseta oficial da Mostra, deseñada por Pedro e Estefanía Orgaz, últimos gañadores do concurso de Noveis Deseñadores

 

O Concello de Camariñas volve, outro ano máis, á Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra en IFEMA (Madrid) para presentar, o próximo mércores ás 11:30 horas no stand de Turespaña, a súa campaña turística para este ano e a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, será a encargada de dar a coñecer o vídeo turístico promocional e o motivo escollido para o cartel desta edición da Mostra, que se celebrará en Semana Santa do 1 ao 5 de abril.

 

A rexedora avanza que “imos dar un pasiño máis na campaña ‘E ti... Encaixas no paraíso?’, promocionando o noso valor turístico máis importante, que é a zona de Trece-Reira-Vilán, un espazo único”.

 

Pantallas no centro de Madrid

 

Como ven sendo habitual nos últimos anos, e co obxectivo de contribuír á promoción turística do municipio, o vídeo promocional lucirá en pleno centro de Madrid. Así, aproveitando a presencia en FITUR, o Concello programou que durante toda a semana se proxecte a peza audiovisual nas grandes pantallas dixitais do Teatro Lope de Vega, un dos espazos madrileños máis emblemáticos, en plena Gran Vía, e onde se representa o coñecido musical do Rei León.

 

O obxectivo desta acción publicitaria é o de continuar a promocionar o turismo en Camariñas fora das nosas fronteiras para atraer un maior número de visitantes ao longo de todo o ano.

 

Máis accións promocionais

 

Volverá aproveitarse a presentación no stand de Turespaña para dar a coñecer a camiseta oficial da trixésimo quinta edición da Mostra, deseñada polos últimos gañadores do concurso de Noveis Deseñadores, os irmáns Estefanía e Pedro Orgaz.