25 Setembro, 2024
O Concello de Camariñas iniciou as obras de renovación do camiño da Grella, paraxe de Estivadas, en Xaviña, unha actuación coa que se pretende mellorar a vía municipal principal da parroquia, creada pola parcelaria, dotándoa dunha maior seguridade para a veciñanza.
Os traballos, que contan cun orzamento de 29.170,68 euros, están cofinanciados con fondos municipais ao 21% e o restante a través dunha subvención da Axencia de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia dentro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, que se financia a través do ‘Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa Inviste no Rural’ (75% aportación do FEADER, 7,5% o Ministerio e o 17,5% restante da Xunta de Galicia).
A actuación permitirá renovar o firme da vía con aglomerado asfáltico e tamén ampliala, creando unha zona delimitada de tránsito para os peóns. Ademais, executarase unha rede para a recollida e evacuación de augas pluviais e tamén a sinalización da vía.