10 Maio, 2024
Nesta edición haberá dúas especialidades: limpeza en espazos abertos e instalacións industriais e operacións auxiliares de revestimentos continuos e construción
Desde o pasado mes de decembro, o alumnado traballou en distintos espazos dos tres municipios
As empresas poderán contar co alumnado grazas ós incentivos de contratación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia
Os Concellos de Muxía, Vimianzo e Camariñas presentaron esta mañá, na biblioteca Emilio Rey Fernández Latorre, a quinta edición do obradoiro dual de emprego “Camiño ao Emprego” 2023/2024.
A iniciativa, que se desenvolve desde o pasado mes de decembro de maneira simultánea en cada un dos tres concellos, conta nesta edición con 20 participantes, que están a recibir formación en dúas especialidades: “Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais” e “Operacións auxiliares de revestimentos continuos e construción”.
A subvención para realizar o obradoiro concedéuselle ao Concello de Muxía, como entidade promotora, por valor de arredor de medio millón de euros, con cargo ao orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego. As empresas poderán contar coas alumnas e alumnos deste programa grazas ós incentivos de contratación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
Ao longo destes primeiros meses de formación, o alumnado realizou diferentes tarefas en distintos lugares dos tres municipios, como o Centro de Iniciativas Empresariais do Concello de Camariñas, o revestimento dos paramentos interiores e exteriores da escola de Bamiro, diferentes actuacións de limpeza no núcleo urbano de Camariñas, no parque empresarial de Vimianzo, na escola de Carantoña, ou os da contorna de Bamiro e de Cambeda.
No Concello de Muxía as actuacións darán comezo a vindeira semana. Entre outras, procederase á limpeza da zona do “Coído”, un espazo moi concorrido e onde se localiza o parque infantil máis grande do municipio e un parque biosaudable.
A formación corre a cargo de dúas persoas docentes, unha titora, unha administrativa e unha directora que traballan co obxectivo de potenciar a cada unha das persoas que integran o obradoiro, fortalecendo as súas capacidades e apoiando as debilidades co fin de potenciar o seu crecemento profesional e acadar un emprego real.
O alcalde de Muxía, Iago Toba, recalcou “o esforzo importante que están a facer as administracións para levar a cabo esta exitosa iniciativa que xa vai pola quinta edición”.
Tamén quixo ter unhas palabras para o alumnado ao que lles agardou que “este sexa o paso previo para formar parte do mundo laboral que vos servirá para desenvolvervos en todos os ámbitos da vida” e desexoulles “a mellor das sortes, para que a partir de pequeniños pasiños poidades achegarvos un pouquiño máis á meta”.
O primeiro edil tamén quixo agradecer a Javier Campa, Xefe do Servizo de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia, a súa presencia neste acto e a importante aportación económica do ente autonómico, que definiu como “imprescindible para poder levar a cabo este tipo de proxectos, que son tan importantes para o desenvolvemento do emprego e o fomento do mesmo entre a cidadanía”.
A rexedora do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez, salientou durante a presentación as oportunidades que xeran estes obradoiros, que definiu “como unha gran oportunidade para a formación das persoas e un gran incentivo á hora de atopar emprego. As cifras no que levamos de formación son moi positivas, polo que nos dan a confianza necesaria para seguir realizando este obradoiro”.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, animou aos participantes “a sacarlle o máximo rendemento aos 9 meses de formación que agora empezades e que podades mellorar a vosa empregabilidade co obxectivo de que atopedes un posto de traballo nun futuro próximo”.