O proxecto cultural “Galicia Latente” presentarase en Camariñas o próximo martes

O proxecto cultural “Galicia Latente” presentarase en Camariñas o próximo martes

  • O IES Pedra da Aguia acollerá, ás 16:30 horas, a proxección dun documental sobre a Galicia do presente e un coloquio posterior para recoller percepcións da cultura galega desde os ámbitos locais.
  • “Galicia Latente” é un proxecto de dinamización da cultura emerxente desenvolto por Eduardo de Martís.
  • A base desta iniciativa é unha publicación na que se recollen 223 fotografías de diferentes referencias ao longo de 146 concellos, entre as que se atopa o encaixe e a Mostra.

 

O Concello e o IES Pedra da Aguia traen a Camariñas a presentación do proxecto cultural “Galicia Latente”, que terá lugar no instituto camariñán o  próximo martes, 7 de maio, a partir das 16:30 horas.

 

“Galicia Latente” é un proxecto de dinamización da cultura galega emerxente desenvolto por Eduardo de Martís. Ten como base un estudo-libro homónimo que recompila 223 fotografías de diferentes referencias emerxentes do latexar de Galicia ao longo de 146 concellos, entre os que se atopa o encaixe de Camariñas e a Mostra. O obxectivo desta iniciativa é ampliar a conexión entre territorio, comunidade e culturas.

 

O acto de presentación consistirá na proxección dun documental sobre a Galicia do presente; no que participan persoeiros como Lucía Freitas (chef Estrella Michelín), Lupe Blanco (regueifeira), Nuria Vil (recitadora poética), Xose Castro (historiador), Manuel Vilar (antropólogo), Chus e Carmela (etnomediciña de Milhulloa); e un coloquio posterior para recoller percepcións da cultura galega desde os ámbitos locais. Está dirixido a persoas e entidades interesadas no desenvolvemento cultural.

 

Neste proxecto colaboran a Asociación Galega de Antropoloxía (AGANTRO), o Museo do Pobo Galego, PAIDEIA e o Consello Galego de Museos.