Stolt Sea Farm e Frigoríficos de Camariñas, patrocinadores da Mostra do Encaixe de Camariñas

  • As empresas, afincadas no municipio, definiron as liñas do acordo de colaboración.
  • Ademais, haberá degustación de rodaballo e de pulpo no recinto.

 

As empresas Stolt Sea Farm e Frigoríficos de Camariñas, afincadas no municipio, volverán ser das principais patrocinadoras da XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

 

A alcaldesa, Sandra Insua, xunto coa concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, e a directora da Mostra, Dolores Lema, definiron as liñas de colaboración co director de Sustentabilidade de Stolt Sea Farm, Carlos Tavares, e coa directora técnica de Frigoríficos de Camariñas, Verónica Canosa.

 

Deste xeito, as empresas contribuirán a promoción do encaixe de Camariñas, co obxectivo de financiar as actividades que sexan necesarias para por en valor á muller como elemento dinamizador do municipio a través do seu labor de palilleiro.

 

Ademais, tamén se organizará unha degustación de polvo (venres 29 de marzo ás 19:30 horas) e de rodaballo (sábado 30 de marzo ás 14 horas) no recinto da Mostra e serán os encargados de entregar diferentes premios no XXX Concurso de Noveis Deseñadores.