26 Marzo, 2024
A XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña está a piques de comezar. O evento, que se celebrará do mércores 27 ao domingo 31 de marzo, quere reivindicar o encaixe como un elemento de valor para coñecer o municipio, ao igual que as festas, as tradicións, as paisaxes e a gastronomía. Todo baixo o lema “Camariñas Sorprende”.
A apertura da trixésimo terceira edición da Mostra terá lugar o mércores 27 de marzo ás 15 horas, momento no que se iniciará o tradicional encontro de encaixeiras e encaixeiros da Costa da Morte no que tamén participará o alumnado das escolas infantís municipais. O acto de inauguración coas autoridades será ás 16:30 horas. Logo, a partir das 18 horas, comezarán os primeiros desfiles: os máis pequenos do “PequEncaixe” serán os encargados de pisar por primeira vez a pasarela e seguidamente os Grandes Deseñadores. Entre medias, amenizará a pasarela unha actuación de Lucía Pérez.
Durante os cinco días as firmas da categoría de “Grandes Deseñadores”, que se irán desvelando nos próximos días, subiranse ás pasarelas da Mostra para amosar as súas creacións con encaixe. Participan: Ana Cabranes, Anamingo, Claudina Mata, Devota & Lomba, Dolores Cortés, El Pulpo, Esteban Freiría, José Matteos e Sara Lage.
O desfile de “ArtEncaixe”, que sigue afianzándose na programación, estrearase o xoves, 28 de marzo, ás 12:45 horas. Os artesáns, que tamén se irán coñecendo nos próximos días, chegarán de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais. Participan: Alfarería La Cacharrera, Estilo Aramar, EASD Mestre Mateo, Lola Logaro, Mar Barral, Obradoiro Tonio, Ondas do Mar, O Rulo, Suso Calo, Tendataller Feituras, Yelena Molina.
Ese mesmo xoves, 28 de marzo, tamén debutarán as persoas participantes no XXX Concurso de Noveis Deseñadores no que se repartirán un total de 4.500 euros en premios e participarán un total de 35 mozas e mozos que están a dar os primeiros pasos no mundo da moda. O venres 29 ás 20:30 horas celebrarase o encontro entre grandes e noveis deseñadores e o domingo 31, a partir das 19:30, horas darase a coñecer o fallo do xurado.
A gran novidade desta edición, o desfile “ReEncáixame”, poderá verse por primeira vez o xoves, 28 de marzo, e repetirá o venres, 29 de marzo, e o sábado, 30 de marzo. Participan: Eli Conde, Kabus, Luz Prado e Yolanda Román.
Outro ano máis volverán á Mostra as delegacións internacionais. O venres 29 ás 12:45 horas terá lugar o primeiro desfile das “Delegacións de encaixeiras internacionais”. Repetirán o sábado 30 ás 18:00 horas. Participan: Bulgaria (Sofía), Eslovaquia (Krakovani), Francia (La Turballe), Gran Canaria (Ingenio), Italia (Gubbio), Italia (Novedrate), Italia (Trapani), Polonia (Bobowa), Portugal (Peniche), Portugal (Serra d” el Rei), República Checa (Palickovani).
Un dos momentos máis agardados da Mostra son os desfiles do “Pequeencaixe”. As nenas e nenos das Escolas Municipais crean o seu propio encaixe durante todo o curso para posteriormente deseñar os vestidos e desfilar na Mostra. Convértense en palilleiras, deseñadores e modelos. Ademais, este ano recibirán o sábado, 30 de marzo, unha visita moi especial, a dos Bolechas, que editaron unha publicación especial, co encaixe como protagonista, “Os Bolechas veñen aprender a palilllar en Camariñas”, que entregarán ás alumnas e alumnos da Escola.
O mesmo ocorre no desfile de “Encaixeiras Senior de Camariñas” que terá lugar o domingo 31 ás 19:30 horas durante o acto de clausura do evento e no que veciñas e veciños do municipio amosan ao público as creacións que fixeron durante todo o ano.
Lucía Pérez, Carlos Blanco, Hydn e Astarot e outras accións destacadas da programación
Este ano os asistentes poderán gozar da música de Lucía Pérez (o mércores 27 ás 18:30 horas horas durante o desfile inaugural da Mostra) e rirse a esgalla con Carlos Blanco nun monólogo que terá lugar o sábado, 30 de marzo, ás 20:30 horas na propia pasarela.
Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VII Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica Santa María de Cambre, a Coral Oliveira do Monte Branco e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 31 ás 12:00 horas).
Aproveitarase o evento para a presentación de libros como “Querida Camariñas... Lo que debí decirte” de Ainhoa Conde (xoves 28 de marzo ás 11:50 horas), “Tres Imperios” de Alfonso de Sas (xoves 28 de marzo ás 12:20 horas), “Camariñas meu curruncho e Beldoña miña barca”, de Antonio Puertas Lema (venres 29 de marzo ás 12:00 horas) e “O pracer da chuvia” de Manuel Vázquez (venres 29 de marzo ás 12:20 horas).
O acto de clausura da XXXIII Mostra do Encaixe de Camariñas terá lugar o domingo 31 de marzo ás 19:30 horas.
“Gourmet entre encaixes”
O Concello estreará un novo concepto na XXXIII Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña: o “Gourmet entre encaixes”, un espazo dedicado ao sector alimentario no que se poderán instalar food trucks e outro tipo de postos de venta ao público.
Esta nova zona, na que tamén se situará o bar da Mostra, terá unha decoración ambiental especial e contará cun espazo con mesas e cadeiras para que o público asistente á Mostra poida degustar alí mesmo os produtos que merque.
Durante toda a Mostra tamén haberá degustacións gastronómicas de polvo, a cargo de Frigoríficos de Camariñas (o venres 29 de marzo ás 19:30 horas) e de rodaballo, a cargo de Stolt Sea Farm (o sábado 30 de marzo ás 14 horas).
Tamén haberá demostracións artesanais e os pais e as nais poderán deixar aos máis pequenos no Parque Infantil con monitores cualificados.