12 Marzo, 2024
A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña celebrarase do mércores 27 ao domingo 31 de marzo. O programa desta festividade conta, ademais de con múltiples pasarelas e actos que enxalzan ás palilleiras e ao encaixe, con actividades como concertos, presentacións de libros ou o monólogo de Carlos Blanco.
Non faltarán momentos para desfrutar da boa música con Astarot, Hydn e Lucía Pérez, que amenizarán distintos momentos en diferentes xornadas. Así, a encargada de “abrir” os concertos da Mostra será Lucía Pérez o mesmo mércores 27 de marzo, no desfile de “Grandes Firmas” contra as 19:00 horas da tarde.
Hydn fará o propio o día seguinte, xoves 28 de marzo, ás 16:45 e ás 19:15 horas, coincidindo cos desfiles de Noveis Deseñadores dos grupos A e B. Por último, Astarot poñerá a súa sinatura musical á clausura o domingo 31 de marzo ás 19:30 horas.
Durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VII Encontro de Corais no que participarán a Coral Polifónica Santa María de Cambre, a Coral Oliveira do Monte Branco e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 31 ás 12:00 horas).
Aproveitarase o evento para a presentación de libros como “Querida Camariñas... Lo que debí decirte” de Ainhoa Conde (xoves 28 de marzo ás 11:50 horas), “Tres Imperios” de Alfonso de Sas (xoves 28 de marzo ás 12:20 horas), “Camariñas meu curruncho e Beldoña miña barca”, de Antonio Puertas Lema (venres 29 de marzo ás 12:00 horas) e “O pracer da chuvia” de Manuel Vázquez (venres 29 de marzo ás 12:20 horas).
Nun dos pratos fortes do apartado cultural da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, Carlos Blanco executará o seu monólogo o sábado 30 de marzo ás 20:30 horas.