Vinte anos de “O Mar na Escola”, unha actividade na que os alumnos se familiarizan co mundo marítimo

Vinte anos de “O Mar na Escola”, unha actividade na que os alumnos se familiarizan co mundo marítimo

  • Un total de 74 estudantes dos centros educativos de Camariñas participarán en diferentes exercicios para desfrutar do mar e adquirir concienciación do seu valor natural.

 

“O Mar na Escola”, o programa destinado a que os rapaces teñan contacto co mar, xa ten unha nova edición en marcha, que comezará esta semana. A iniciativa do Concello de Camariñas, que naceu hai 20 anos, pretende que os rapaces e rapazas que estudan no municipio accedan ao mundo marítimo a través de deportes náuticos e tamén alcancen unha concienciación de respecto co valor natural do mar.

 

O programa está destinado aos alumnos de 5º e 6º de Primaria dos colexios CEIP O Areal de Camariñas e CEIP Ponte do Porto, e de 1ºEso do IES Pedra da Aguia. En concreto, nesta edición participan 74 alumnos e alumnas, que probarán deportes como a vela ou o kayak.

 

En total, esta edición conta cunha clase teórica para cada curso, nas instalacións do Náutico de Camariñas, e un mínimo de catro saídas prácticas por grupo ao mar, co fin de adquirir uns coñecementos mínimos da navegación a vela, das mareas, dos ventos e das diferentes embarcacións.