08 Marzo, 2024
Unha das novidades desta nova edción da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, a pasarela “ReEncáixame”, confirma dúas novas incorporacións para este desfile.
Elas son Cris García e Luz Prado, que reinterpretarán as coleccións coas que participaron no concurso de Noveis Deseñadores, condición sine qua non para sumarse a este novo punto da ampla programación.
Cris García participou no ano 2017 na Mostra coa súa colección “Sereas”. Agora, este 2024 reedita os seus deseños baixo o paraugas de “Sereas II”. “Partín un pouco da idea de reciclar as miñas creacións. Volven as fitas, por exemplo, e a idea é adaptarse contextualmente ao que se leva agora”.
A moza deseñadora, que cando estivo en Camariñas cumpría a maioría de idade, amosa a súa “ilusión por volver, xa que me atopo nun momento no que eu tamén me estou “reencaixando” profesionalmente e gardo marabillosas lembranzas do meu paso pola Mostra. Estou desexando volver”, engade.
Pola súa banda, Luz Prado, que participou no 2018 na pasarela de Noveis Deseñadores, transformará a colección “Ascalapta”, que é unha colección realizada en polipel, un material sostible “que axuda a reducir o impacto medioambiental e frea o sacrificio de animais”, segundo indica a propia deseñadora.
Esta nova colección, que sairá co nome de “Despertar”, será a fusión da colección que presentou en Camariñas e unha reedición anterior, “Ardora”, confeccionada en algodón biodegradable e seda.
“Sempre confecciono o encaixe a man, xa que é un produto feito artesanalmente, con moito mimo e esmero, polo que tamén se nota á hora de volvelo a empregar”, anuncia Luz.
“ReEncaixame”
A finalidade do desfile é incentivar aos deseñadores e ás deseñadoras a reinterpretar unha colección non actual reutilizando tanto os tecidos como o encaixe de Camariñas.
Deben amosar como reinterpretan e transforman as prendas nunha nova colección cun enfoque de reutilización de materiais e redución de desperdicio.
Participan persoas que, sendo ou non profesionais da moda, participasen no Concurso de Jóvenes Deseñadores da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña nalgunha das súas 29 edicións.