Unha alfombra floral da Asociación de Alfombristas de Ponteareas lucirá na Mostra do Encaixe de Camariñas

Unha alfombra floral da Asociación de Alfombristas de Ponteareas lucirá na Mostra do Encaixe de Camariñas

  • Un equipo de alfombristas desprazarase a Camariñas na madrugada do mércores 27 de marzo para que estea lista para o acto de inauguración.

 

A Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas participará na Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, elaborando unha alfombra de flores como as que se fan en Ponteareas durante a festa do Corpus Christi.

 

Un equipo de alfombristas de Ponteareas desprazarase a Camariñas para confeccionar na madrugada do mércores 27 de marzo esta alfombra e que estea lista para o acto de inauguración da Mostra.

 

Desde a Asociación agradecen “ao Concello de Camariñas poder facer posible esta alfombra de flores” e explican que “trátase dunha obra colectiva que expresa a cultura popular das xentes de Ponteares que, ao longo de douscentos anos, souberon conservar e promover esta celebración, recoñecida como ‘Festa de Interese Turístico Internacional’”.

 

Candidatura á lista do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO

 

O Ministerio de Cultura presentará a candidatura de ‘La tradición de la creación de alfombras florales y composiciones rituales con materiales naturales’ á Unesco como candidatura Internacional para entrar na lista representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade, que será avaliada en 2025 e as alfombras de Ponteareas son a únicas representantes de Galicia.