27 Febreiro, 2024
A praia de Area da Vila volve a ser incluída no censo oficial de zonas de auga de baño da Xunta de Galicia para a temporada 2024. A administración autonómica informou ao Concello de Camariñas que, tras o período de avaliación por parte da Consellería de Sanidade, obtívose a clasificación provisional de “Excelente”.
Isto supón que se fará vixilancia sanitaria dela, e que se recomenda que estea exposto un cartel indicando a clasificación provisional. A praia de Area da Vila carecía dos controis da Xunta ao non estar incluída no censo debido aos malos resultados dos últimos exercicios.
Nos últimos anos o Concello detectou se estaban producindo vertidos no mar e isto influía na mala calidade das augas. Para solucionalo realizou varias obras de mellora da rede de saneamento que permitiron lograr os bos resultados actuais, que se veñen dando continuamente.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “esta é unha moi boa nova para nós, despois do traballo feito para reverter a situación en Area da Vila, como fixemos antes en Camelle” e salientou que “agora todas as praias do municipio están incluídos no censo oficial de praias aptas para o baño”.