08 Xaneiro, 2024
Camariñas, 6 de xaneiro de 2024. O Concello porá en marcha este luns, 8 de xaneiro, un dispositivo de limpeza de praias. Así o indicou a alcaldesa, Sandra Insua, despois de que se confirmara a presenza de pellets en dous areais do municipio (Arou e Reira).
O Concello está colaborando de xeito estreito coa asociación medioambiental Mar de Fábula, que está realizando un seguimento da problemática en todas as praias. Tras coñecerse a situación dos dous puntos afectados ata o de agora, a rexedora informou da situación á Xunta de Galicia. Con todo, á espera de resposta por parte do organismo autonómico, decidiuse “realizar as tarefas de limpeza á maior brevidade posible”.
Insua sinala que, nos vindeiros días, “continuarase coa inspección todos os areais para comprobar se os microplásticos se seguen estendendo e estaremos tamén pendentes do que nos indiquen desde a Xunta para atallar este problema”.
A primeira edil agradece o traballo que están a facer desde as distintas asociacións medioambientais, en xeral, e, particularmente, desde Mar de Fábula, á que se lle ofrecerá “o apoio loxístico que precise”, explica.