11 Decembro, 2023
Despois de tres meses o programa “Xuventude con talento” entra na recta final. O programa daba comezo o 8 de setembro e ten previsto o peche para o día 15 de decembro. Atrás quedan 3 meses intensos onde 15 mozas e mozos realizaron prácticas non laborais remuneradas nas tres administracións locais promotoras do programa (o concello de Camariñas, o concello de Muxía e o concello de Vimianzo) en tres sectores estratéxicos como as Tecnoloxías da Información e a comunicación, a calidade de vida e benestar e o sector téxtil/moda-artesanía.
O programa contou tamén cunha intensa parte formativa orientada á inserción laboral da mocidade participante e a promover a identificación de ideas emprendedoras así como sesións de mentoring e orientación personalizada. Tamén se realizaron visitas a empresas como ao espazo Islow Coliving e a 4 Elements Galicia e unha visita a Xantar, o Salón Internacional do Turismo gastronómico.
Para pechar o programa “Xuventude con Talento” realizarase un Acto de Clausura o día 13 de decembro dende as 11:30 horas no Centro Cultural Casa de Pedra do Concello de Camariñas. O acto terá dúas partes: unha de relatorios e coloquios onde a mocidade participante expoñerá os resultados do programa e o o impacto na súa traxectoria profesional, na que tamén se coñecerán varias boas prácticas empresariais da contorna, e, por outra parte, contarase cunha zona de escaparate na que se exporán produtos e servizos de empresas innovadoras e exitosas da Costa da Morte.
A clausura correrá a cargo da Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel Toimil, da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o alcalde de Muxía, Iago Toba.
O programa Xuventude con talento é un programa promovido polos concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo e financiado pola Consellería de Política Sociale Xuventude e polo Fondo Social Europeo.