Camariñas honra aos náufragos do Serpent e coloca dúas placas en homenaxe aos do Iris e o Trinacria

  • Sandra Insua, Sergio Caamaño e Begoña Tajes achegáronse ao Cemiterio dos Ingleses, no día no que se cumpren 133 anos do afundimento do navío inglés, para realizar a tradicional ofrenda floral.
  • Os nomes das vítimas dos afundimentos do Iris e o Trinacria xa locen no lugar onde foron enterradas.
  • Sandra Insua explicou que “queremos poñer en valor o cemiterio e a historia de Camariñas” e adiantou que “a semana que vén colocaremos no paseo unha exposición sobre naufraxios”.

 

O Concello de Camariñas realizou hoxe, venres 10 de novembro, no Cemiterio dos Ingleses o acto de homenaxe para conmemorar os 133 anos do naufraxio máis importante da Costa da Morte, o do torpedeiro ‘HMS Serpent’ que naufragou na Punta do Boi, e aproveitou para colocar dúas placas polos naufraxios do Iris e o Tinacria.

 

As placas, nas que aparecen os nomes dos mariñeiros falecidos polo afundimento dos barcos Iris e Tinacria e que tamén están enterrados neste cemiterio, descubríronse durante a tradicional ofrenda do Concello, que levaron a cabo  alcaldesa, Sandra Insua, o concelleiro Sergio Caamaño e a concelleira Begoña Tajes.

 

Alí, Sandra Insua explicou que “o que queremos é poñer en valor o cemiterio é á vez o patrimonio cultural e a historia de Camariñas”. “Este cemiterio, que ten un alto valor histórico, tamén supón unha visita obrigada para as persoas que visitan Camariñas e a Costa da Morte xa que forma parte da ‘European Cemiteries Tour’, unha ruta cultural europea”, engadiu.

 

Ademais, a rexedora adiantou que “a semana que vén colocaremos no paseo unha exposición sobre naufraxios, que estaba prevista para esta semana pero non puido instalarse por culpa do mal tempo”.