20 Setembro, 2023
Hoxe, martes 19 de setembro, a Casa de Pedra de Camariñas acolleu o acto de presentación oficial do programa “Xuventude con Talento”, que levan a cabo os Concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo e e está subvencionado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo Fondo Social Europeo. Un programa que está destinado a mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
No acto participaron a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, o concelleiro de Obras Vimianzo, Miguel Ángel Pérez; o alcalde de Muxía, Iago Toba, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel.
Este proxecto pretende reforzar a empregabilidade, as habilidades e as competencias profesionais das persoas mozas non ocupadas e non integradas nos sistemas de educación ou formación, contribuíndo á mellora da súa formación mediante a adquisición de experiencia profesional para a súa incorporación ao mercado de traballo.
As personas participantes son 15 mozas e mozos que realizaran estadías (prácticas non laborais) nas administracións locais de Camariñas, Muxía e Vimianzo, en tres sectores estratéxicos: Tecnoloxías da información e comunicación, Calidade de vida e benestar e Téxtil/moda-artesanía.