Camariñas aproba en Pleno a adhesión á Rede Española de Cidades Saudables

Camariñas aproba en Pleno a adhesión á Rede Española de Cidades Saudables

Na sesión tratáronse tamén varios puntos referentes ó Plan Único Adicional, varias modificacións de crédito e o expediente de modificación da ordenanza de taxas de servizos de actividades culturais e deportivas.

 

O Concello de Camariñas celebrou esta tarde en sesión ordinaria o Pleno da corporación, con hora de comezo as 20:00 horas, onde se aprobou a adhesión á Rede Española de Cidades Saudables. O obxectivo desta iniciativa é promover e protexer a saúde a o benestar da cidadanía, da man dos principios de actuación do proxecto da OMS “Healthy Cities”. Todos os concelleiros e concelleiras votaron a favor agás o voceiro do BNG, que se abstivo.

 

Na sesión tratáronse tamén varios puntos referentes ó Plan Único Adicional, varias modificacións de crédito e o expediente de modificación da ordenanza de taxas de servizos de actividades culturais e deportivas.

 

En relación coa participación na segunda fase do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, Plan Único Adicional 2/2023 da Deputación da Coruña, acordouse dedicar 299.243,23 euros ó financiamento de gastos correntes; é dicir, a mantemento de accesos ós núcleos de Camariñas, limpeza viaria ou alumeado público, entre outros. Contou cos votos favorables do grupo socialista e a abstención do PP e do BNG.

 

Conforme as modificacións de crédito, eleváronse as peticións 8/2023 de suplemento de crédito; 9/2023 de crédito extraordinario e 12/2023 de transferencia de crédito. No que respecta ó primeiro, aplicarase un investimento efectivo de 837.803,47 euros para efectuar pago a provedores 2023. En tanto en canto o segundo, dedicarase unha partida orzamentaria de 67.592,83 euros tamén para pago a provedores 2023. Por último, previa fiscalización, adoptouse o acordo para transferir 7.000 euros de crédito para débeda pública. Contou cos votos favorables dos concelleiros e concelleiras do PSOE e a abstención dos edís do PP e do BNG.

 

Outro dos puntos tratados na sesión foi o expediente de modificación da ordenanza pola taxa de servizos de actividades culturais e deportivas, cuxo borrador recolle, por exemplo, as contías das taxas para alugar para uso libre os pavillóns polideportivos por hora, o uso do ximnasio, emprego libre dos campos de fútbol, sen ou con luz artificial, as inscricións nas actividades físico-deportivas municipais ou nos obradoiros. Contou cos votos favorables do grupo socialista e cos votos en contra de populares e nacionalista.

 

Durante a sesión, o equipo de goberno explicou que “modificamos a ordenanza da taxa de servizos de actividades culturais e deportivas debido a que leva sen actualizarse desde hai 12 anos. Axustamos a taxa ao custo do servizo, aínda que sen chegar a cubrilo completamente.

 

Desde o executivo sinálase que, tal e como se pode comprobar no estudo económico, “os custes son de 431.000 euros e os investimentos previstos cas novas taxas son de case 80.000 euros”, e do contrario “se non modificaramos a ordenanza, os investimentos serían de algo menos de 30.000 euros.”

 

Exemplificando, as clases de música tradicional custarán 8 euros cando deberían custar 20 euros. As clases de palillo custarán 5 euros, cando deberían custar 18 euros ou a actividade de ioga, cuxo prezo será de 8 euros fronte aos 16 que deberían custar.

 

O Bloque Nacionalista Galego presentou dúas mocións, nas que se propoñía reducir as taxas de servizos de actividades culturais de deportivas, así como elaborar un plan de coidado e mantemento das beirarrúas e camiños peonís. Ambas foron rexeitadas. Votaron a favor os edís do PP e do BNG e en contra os do PSOE.

 

O Partido Socialista de Camariñas presentou unha moción de urxencia en defensa do servizo básico e esencial da educación pública, mediante a cal se insta á Xunta de Galicia a cumprir coas súas obrigas e responsabilidades no ámbito educativo, recuperar o sistema de gratuidade universal dos libros de texto, a que faga público o destino dos fondos extraordinarios para a educación, garantir o servizo de transporte escolar e manter como mínimo o mesmo número de profesorado que o curso 2021-2022 nas escolas galegas rurais. Contou cos votos favorables dos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno e do BNG e os votos en contra dos edís do PP.

 

Para finalizar a sesión, deuse conta do informe resumo ao que se refire o artigo 37 do RD 424/2017 do 28 de abril, de réxime xurídico do control interno nas entidades do Sector Público-Local no Concello de Camariñas, exercicio 2022. Tamén se deu conta do REC 7/2023, dos decretos de alcaldía e comunicacións e a quenda de rogos e preguntas.