ASOCIACIÓN CULTURAL NAUFRAXIOS GALEGOS

Camelle e Arou conmemoran o naufraxio do City of Agra cun representante da Embaixada da India en España como participante de honra

  • As conmemoracións do 126 aniversario do naufraxio do buque británico City of Agra terán lugar nas localidades de Camelle e Arou (Costa da Morte) do 7 ao 9 de xullo de 2023.
  • O programa cultural da fin de semana inclúe, por cuarto ano consecutivo, a recreación no porto de Camelle da arribada dos náufragos tras ser rescatados polos mariñeiros da zona.
  • Visitará as conmemoracións o Sr. K. Aman Chandran, segundo secretario de Prensa, Información e Cultura da Embaixada da India en España para coñecer de preto a historia deste naufraxio e a sorte dos tripulantes indios que viaxaban a bordo.

 

A Asociación Cultural Naufraxios Galegos lembra un ano máis o naufraxio do buque británico City of Agra cunha programación cultural que ofrecerá aos asistentes numerosas actividades os días 7, 8 e 9 de xullo nas localidades de Camelle e Arou, no corazón da Costa da Morte.

Un roteiro animado que levará aos participantes desde o lugar do fatídico accidente fronte ás praias de Arou ata a igrexa parroquial de Camelle onde se conserva a campá do buque, un mercado mariñeiro, ioga na praia, un partido de fútbol histórico, teatro, sardiñada, concurso de tapas e decoración de fachadas, concertos de música, bailes tradicionais e visitas guiadas á exposición “City of Agra. 126 anos na memoria”, son algunhas das propostas deste evento que celebra xa a súa cuarta edición.

Como en anos anteriores, a recreación da arribada a porto dos náufragos que foron rescatados polos mariñeiros de Camelle e Arou, será un dos momentos máis simbólicos e emotivos da fin de semana. Terá lugar a partir das 22h45 do sábado 8 de xullo.

O buque británico City of Agra naufragou na madrugada do 3 de febreiro de 1897 fronte á localidade de Arou, tras partir de Glasgow con destino á cidade india de Calcuta. No momento do accidente, atopábanse a bordo 75 persoas, entre o capitán, a tripulación, pasaxeiros e ata dous polisóns.

33 homes morreron no naufraxio, a maioría mariñeiros de orixe india que garantían os servizos a bordo do City of Agra. Os sobreviventes, un total de 42 entre británicos e indios, foron acollidos polos veciños de Camelle e Arou ata a súa repatriación desde A Coruña varios días despois do naufraxio.

As conmemoracións contarán, por primeira vez, coa asistencia dun representante da Embaixada da India en España, o Sr. K. Aman Chandran, segundo secretario de Prensa, Información e Cultura. O Sr. Chandran desprazarase ata Camelle e Arou durante a fin de semana para coñecer de preto a historia do naufraxio, a sorte dos seus tripulantes e o lugar da traxedia, ademais de asistir ás actividades programadas.

Esta visita é resultado do enorme esforzo de divulgación e investigación da historia do naufraxio do City of Agra que a Asociación Cultural Naufraxios Galegos leva a cabo desde o ano 2019 para protexer e conservar así a súa memoria.

Con estas conmemoracións, a AC Naufraxios Galegos rende homenaxe aos dezaseis mariñeiros de Camelle e Arou que, arriscando as súas vidas, non dubidaron en saír esa noite ao mar para tentar rescatar ás vítimas con vida. A súa valentía fixo merecedores aos patróns das tres embarcacións que participaron no rescate, dunha medalla de prata outorgada polo goberno británico coa seguinte inscrición: “For Gallantry and humanity”.

Achegamos a este correo información máis detallada sobre o naufraxio do City of Agra así como a

programación cultural completa da fin de semana.

Para máis información, quedamos á súa disposición en naufraxiosgalegos@gmail.com ou chamando aos teléfonos: 610 984 015 ou 633 96 31 61.

Descargas

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net