27 Xuño, 2023
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, deu conta esta mañá nun pleno extraordinario celebrado no Concello da conformación do novo equipo de goberno para este mandato que vén de comezar hai oito días. O executivo socialista optou por aglutinar as áreas de goberno en cinco, con catro concellarías ademais da Alcaldía, co obxectivo de potenciar a eficiencia laboral e o aforro económico para as arcas municipais. A maiores, aprobáronse tres dedicacións exclusivas e unha parcial.
Concretamente, a alcaldesa Sandra Insua asumirá as responsabilidades de Alcaldía e Presidencia. O primeiro tenente de alcaldesa, Sergio Caamaño, será o responsable da Concellaría delegada de Urbanismo, Medio Ambiente, Emprego e Administración Xeral. Encarnación Liñeiro, segunda tenente de alcaldesa, foi nomeada como concelleira delegada de Cultura, Encaixe, Turismo, Limpeza e Ornato. Mentres, Fabián Canosa será o dirixente da Concellaría de Educación e Deporte, ademais de conformarse como terceiro tenente de alcaldesa. Pola súa banda, Begoña Tajes será a cuarta tenente e concelleira delegada de Servizos Sociais, Igualdade e Comercio.
Germán Camiño, José Francisco Carril e Rosa Ana Barbeira completarán o equipo de goberno municipal, pero sen área asignada.
Así mesmo, o pleno aprobou a designación de tres dedicacións exclusivas: para a alcaldesa, Sandra Insua; para o concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente, Emprego e Administración Xeral, Sergio Caamaño; e para a concelleira de Cultura, Encaixe, Turismo, Limpeza e Ornamento, Encarnación Liñeiro. A concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Comercio, Begoña Tajes, terá unha dedicación parcial.
Neste punto do pleno tamén se aprobou o réxime de indemnizacións por asistencias aos órganos colexiados que non teñan atribuída dedicación parcial ou exclusiva. Serán 120 euros por asistencia ás sesións plenarias, 120 por asistencia ás sesións da Comisión Informativa de Asuntos Xerais e da Comisión Especial de Contas e 80 por asistencia ás Xuntas de Goberno.
Doutra banda, fixáronse as periodicidades das sesións do Pleno e da Xunta de Goberno Local. As sesións ordinarias do Pleno celebraranse con carácter bimestral o último venres de cada mes impar do ano, as 19:00 horas, no Salón de sesións da Casa do Concello de Camariñas. Mentres, a Xunta de Goberno Local reunirase cada 15 días, no día e hora que estableza por Decreto a Alcaldía.
Votacións
No pleno, o reparto de dedicacións contou cos votos a favor do PSOE e en contra do PP e do BNG. Mentres, a Xunta de Goberno tamén contou co apoio do PSOE e os votos en contra do PP e BNG. A periodicidade foi apoiada por PSOE e BNG, mentres que o PP abstívose. O grupo socialista apoiou a confección dos órganos colexiados, coa abstención do equipo nacionalista e popular. Por último, nas comisións houbo unanimidade.