Camariñas acollerá o 7, 8 e 9 de xullo a cuarta edición do maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia

Camariñas acollerá o 7, 8 e 9 de xullo a cuarta edición do maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia

  • “City of Agra, 126 anos na memoria” celebrarase un ano máis en Camelle e Arou.
  • Todos os días do evento, ademais da programación deseñada, haberá exposición, feira mariñeira e concurso de tapas nos bares de Camelle e Arou.

 

O Concello de Camariñas acollerá, do 7 ao 9 de xullo, a cuarta edición do evento “City of Agra, 126 anos na memoria”, o maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia, que se desenvolverá en Camelle e Arou polos 126 anos da catástrofe do buque inglés.

 

A Asociación Naufraxios Galegos e o Concello de Camariñas, en colaboración coa Comisión de Festas de Camelle e a Asociación Cultural A Folia da Faneca de Camelle, organizan este compendio de actividades no que, ademais do programa deseñado, haberá exposición, feira mariñeira e concurso de tapas nos bares.  

 

A programación arrincará o venres, 7 de xullo, coa apertura da exposición “City of Agra, 126 anos na memoria” e a Feira Mariñeira no paseo marítimo de Camelle. Ao longo das tres xornadas haberá concertos, roteiros de naufraxios, sardiñada, foliada, teatralizacións, pasarrúas... O domingo, 9 de xullo, día da clausura, ás 12:30 horas farase un homenaxe aos náufragos da Costa da Morte e ás 12:50 horas unha recepción de autoridades aos náufragos do City of Agra e entrega de medallas.