O Concello comeza esta mañá os traballos de reurbanización da rúa Ramón Noguera

O Concello comeza esta mañá os traballos de reurbanización da rúa Ramón Noguera

  • Esta actuación, xunto ca de remodelación da rúa Irmáns Fernández, ten un orzamento de 128.346,03 euros e está financiada a través dun convenio coa Deputación da Coruña.

 

O Concello de Camariñas deu comezo hoxe ós traballos de reurbanización da rúa Ramón Noguera. O proxecto, que contempla tamén a mellora da rúa Irmáns Fernández, conta cun orzamento de 128.346,03 euros e está financiado a través dun convenio coa Deputación da Coruña polo que a administración provincial aportará 102.676,82 euros, o 80% do total.

A actuación centrarase na pavimentación da superficie nesta vía. Para isto, aplicarase un novo firme de formigón armado. Previamente á pavimentación procederase á execución dunha rede de saneamento de augas fecais con bombeo co obxectivo de canalizalas á rede xeral que conduce á estación depuradora e evitando así que se produzan vertidos ao mar. Paralelamente, instalarase outra rede para a recollida e evacuación de augas pluviais.

Finalmente, procederase á ordenación do encontro desta rúa coa Avenida da Coruña. Para facilitar a mobilidade habilitarase un paso peonil de pedra granítica que conectará a Avenida da Coruña coas rúas a través da illa existente, na que se renovará a zona verde, instalarase unha luminaria e tamén unha baranda. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcadoiro en toda a zona.