03 Abril, 2023
O desfile de “ArtEncaixe” da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña conta con tres novas confirmacións: Os oleiros de Buño, Mar Barral e Susi Gesto, todos coñecedores do que supón desfilar na alfombra vermella da Mostra.
Outro ano máis a tradición dos oleiros de Buño volve a mesturarse co encaixe de Camariñas. Nesta ocasión faino grazas ás expertas mans dos obradoiros de Feituras e O Rulo.
Segundo Feituras, “participar na Mostra representando á Olería de Buño supón toda unha honra” e explica que “o encaixe apórtalle ás nosas creacións naturalidade, grazas á unión de dúas artesanías moi distintas pero que maridan á perfección”.
Para O Rulo “é todo un reto xa que conxugar as dúas artesanías é moi complicado” pero destaca que “o resultado de xuntar barro e encaixe é precioso, dálle unha nova visión ao que facemos”.
Mar Barral afronta o seu segundo ano no desfile de ArtEncaixe “con moita ilusión” e adianta que “presento unha colección na que fago unha intervención cerámica no traxe tradicional galego feminino”. “O encaixe de Camariñas ás miñas pezas apórtalle un toque de elegancia e distinción”, afirma.
Por último, Susi Gesto valora a súa participación como “unha oportunidade de experimentar unha simbiose do encaixe de Camariñas co encaixe que conforma a mais pura filigrana da Ourivería Compostelá, leva as pezas a outros terreos que non tiña explorados”. “Ademais da experimentación con novos materiais tamén me permite afondar en colaboracións interesantes en todo oproceso, como a que fixen coa artista plástica Ana Gesto e o músico e artesán Pablo Pascual”, afirma.
“Nesta ocasión a colección que estou creando parte da inspiración principal no Art Noveau, ademais aportamos unha nova reinterpretación do Sapo, a peza tradicional por excelencia da ourivería galega así como introducimos e deseñamos novas pezas”, indica.