03 Abril, 2023
A Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña continúa ampliando a súa oferta cultural. Nesta XXXII edición, que comezará o vindeiro mércores 5 de abril, o evento encaixeiro máis importante do mundo contará con tres presentacións literarias vencelladas a Galicia e ao mar. Trátanse das publicacións das autoras Ainhoa Conde e Ana de las Heras, ademais da do escritor Alfonso de Sas.
A primeira destas presentacións será o xoves 6 de abril, ás 12:00 horas. Dentro da sala de desfiles, Ainhoa Conde, falará do seu libro ‘Devotos de destino. Alén do Vilán’. Trátase dunha obra de poesía que supón unha reflexión interna e de sentimentos por Galicia e o océano. Os fragmentos, baseados case na súa totalidade en vivencias da autora, reflicten 66 historias de amor, desalento, loita, sacrificio, alegría e morriña. Conde, nacida en Cee, compaxina a súa labor de poeta co traballo de inspectora de seguridade marítima.
Pola súa banda, o venres 7 de abril, ás 12:00 horas, será o turno para Ana de las Heras e o seu libro ‘Travesías del sentir’. A escritora ofrece neste volume un conxunto de relatos corto cheos de humor, maxia e transformación que narran o cotiá dun xeito sinxelo grazas a pór o foco nos pequenos detalles que fan grande a vida. Nacida en Madrid e afincada en Oleiros, De las Heras é enxeñeira industrial ademais de autora.
Por último, o sábado 8 de abril, Alfonso de Sas presentará ‘El Cementerio de Los Ingleses’. A partires das 12:00 horas o autor ourensán falará dun libro de ficción que está inspirado no naufraxio do HMS Serpent nas costas de Camariñas en 1890, motivo polo cal se construíu o mítico cemiterio do mesmo nome. Na obra explórase a relación que xorden como consecuencia da traxedia entre os residentes no lugar e os membros do Imperio Británico. De Sas, nado en Ourense, estudou Dereito e traballou en Comercio Internacional antes de decidirse, xa xubilado, a publicar a súa primeira obra.
Estas tres presentacións literarias son parte dun programa longo e variado que compón a XXXII edición da Mostra do Encaixe e encherá de actividade Camariñas durante cinco días.