29 Marzo, 2023
“O Mar na Escola”, o programa destinado a que os rapaces teñan contacto co mar, xa ten unha nova edición en marcha. A iniciativa do Concello de Camariñas, que naceu hai 19 anos, pretende que os rapaces e rapazas que estudan no municipio accedan ao mundo marítimo a través de deportes náuticos e tamén alcancen unha concienciación de respecto co valor natural do mar.
O programa está destinado aos alumnos de 5º e 6º de Primaria dos colexios CEIP O Areal de Camariñas e CEIP Ponte do Porto, e de 1ºEso do IES Pedra da Aguia. En concreto, nesta edición participan 92 alumnos, que xa probaron deportes como a vela ou o kayak desde que a iniciativa comezou, o luns 13 de marzo.
En total, esta edición conta con cinco clases por curso a desenvolver os luns e os venres en horario escolar nas instalacións do Náutico de Camariñas. A iniciativa é desenvolvida pola empresa UbuntuLife.
Campamento na Mostra do Encaixe
Por outro lado, en Semana Santa, o Concello de Camariñas e UbuntuLife organizan a maiores unha actividade de vela. Coincidindo coa Mostra do Encaixe, de luns a venres celebrarase o “Encaixe azul”, un campamento de vela denominado “Encaixe azul”.
O prezo da actividade é de 35 euros. Hai un máximo de 20 prazas e é preciso contar con licencia federativa. As reservas pódense concretar no 665051031.