22 Marzo, 2023
O artista coruñés Xosé Antonio Touriñán será un dos protagonistas da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. O humorista presentará o seu monólogo “Aquí Tou!” o sábado 8 de abril ás 20:30 horas, antes do peche do penúltimo día do encontro encaixeiro.
Touriñán adianta que os que se acheguen a ver a súa actuación “van rir moito”. “Eu o que conto son historias da miña vida, porque o que hai que facer é rir dun mesmo e do que lle pasa a un na vida para poder rir de calquera cousa. O monólogo está construído a base de historias da miña vida, algunha de antes de que eu nacera, e tamén do que eu espero para o futuro, diso vai Aquí Tou!”, explica o humorista.
Para o cómico será a primeira vez no Encaixe de Camariñas. Non só como profesional, senón a nivel personal. “Son coruñés pero nunca estiven na Mostra do Encaixe. É a primeira vez que estarei en Camariñas eses días aínda que escoitei falar dela toda a vida”, recoñece Touri, que sinala que o que non falta na súa casa é encaixe: “Por suposto que hai encaixe na miña casa. Non sei moi ben se mercado pola miña avoa ou polos meus pais, pero si que hai pezas de encaixe de Camariñas na casa”.
Un programa variado con música, baile e folclore
O humor de Touriñán vén a completar a programación da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. A actuación cómica do coruñés dará continuidade á exhibición do club “Arte e Movemento”, o sábado ás 11:30 horas. A entidade de baile deportivo fará unha exhibición na que se mesturarán danzas caribeñas, latinas e estándar.
Por outro lado, o día da inauguración, o mércores 5 de abril, antes do desfile de Grandes Deseñadores que pechará esa primeira xornada (a partir das 18 horas), DJ SON1C estreará a versión dance da canción de “Camariñas”, acompañado da cantante Alicia Bautis, e da música da Danza de Arcos.
Como gran peche da Mostra, o rapeiro camariñán Lopes fará o concerto de clausura o domingo 9 ás 21:00 horas. Coa súa actuación, o artista local, que vén de facer unha xira por México, buscará conectar co público e despedir por todo o alto o evento de encaixe.
Como non podía ser doutro xeito, durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e Asociación As Cansorriñas. Tamén o VI Encontro de Corais no que participarán a Coral Brisas do Mar de Corme, a Coral de Bergondo e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 9 ás 11:45 horas).