O camariñán Lopes encabeza a programación musical da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas

O camariñán Lopes encabeza a programación musical da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas

  • O artista declara que “poder tocar onde mi criei, que é onde vivín experiencias das que saco a inspiración dos temas que fago, é un orgullo”.
  • O club de baile deportivo ‘Arte e Movemento’ fará unha exhibición na que se mesturan bailes caribeños, latinos e estándar.
  • DJ SON1C estreará a versión dance da canción ‘Camariñas’, acompañado de Alicia Bautis, e da música da Danza de Arcos.

 

O artista camariñán Lopes encabeza a programación musical da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, na que os asistentes tamén poderán desfrutar dunha exhibición de baile, música dance e moito folclore.

 

O rapeiro Lopes será o encargado de facer o concerto de clausura (domingo 9 de abril ás 21 horas) e, chegado dunha xira por México, declara que “poder tocar onde me criei, que é onde vivín experiencias das saco a inspiración dos temas que fago, é un orgullo”.

 

“Traemos un show cargado de enerxía e forza coma sempre, pero cunhas ganas especiais por ser na miña terra. Interpretaremos temas como Pole, Penas, Bandolero 2… e intentaremos que o público conecte con nos ó máximo”, adianta.

 

Para Lopes este concerto será especial xa que “outra cousa boa de tocar na Mostra e que podo estar ese día en Camariñas, porque os últimos anos sempre tiñamos algunha rodaxe ou concertos fóra de Galicia” e lembra que “os recordos que teño de pequeno é ver sempre o pobo moi cheo de xente de fóra, miña nai e miña avoa palillar, todas as familias preparándose para ir xuntos á Mostra, os desfiles tan variados...P ero o máis bonito de todo isto e a enerxía positiva que se respira no pobo durante esa semana”. “Invito a todo mundo a que se pase a desfrutalo este 2023”, indica.

 

Baile, música dance e folclore

 

O sábado 8 de abril ás 11:30 horas o club de baile deportivo ‘Arte e Movemento’ fará unha exhibición na que se mesturarán bailes caribeños, latinos e estándar (vals, tango...). “Maioritariamente participarán nenos e nenas de todas as idades, pero tamén algunha mamá”, explica Lita, alumna do club, que sinala que “ademais, eu estou facendo o encaixe para que cada bailarín leve unha peza”.

 

Por outro lado, o día da inauguración, o mércores 5 de abril, antes do desfile de Grandes Deseñadores que pechará esa primeira xornada (a partir das 18 horas), DJ SON1C estreará a versión dance da canción de ‘Camariñas’, acompañado da cantante Alicia Bautis, e da música da Danza de Arcos.

 

Como non podía ser doutro xeito, durante os cinco días escoitarase nos pavillóns da Mostra, mesturado co son dos palillos, o folclore das agrupacións Abrindo Rejo, Con toda en banda, Vaiche Boa, Asociación Mar Devalado de Camelle e  Asociación As Cansorriñas. Tamén o VI Encontro de Corais no que participarán a Coral Brisas do Mar de Corme, a Coral de Bergondo e a Coral Brisas do Mar de Camariñas (domingo 9 ás 11:45 horas).