17 Marzo, 2023
A pasarela da XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña volverá a contar coa presencia do deseñador de Viana do Bolo, Jorge de Álvarez, e tamén terá unha estrea, a da marca galega Andión, con sede en Boqueixón.
Jorge de Álvarez volve á Mostra do Encaixe trala súa estrea na anterior edición no desfile de Grandes Deseñadores, despois de ser o gañador do certame de Noveis Deseñadores no Ano 2018. “O ano pasado estiven encantadísimo e por iso repito, é un orgullo formar parte dun evento, como deseñador e como xurado, do que saín”, afirma.
“Eu sempre dixen, e sempre o direi, que se lle quito o encaixe ás miñas pezas perden valor, non quedan igual”, explica Jorge de Álvarez, que aínda non ten definido o nome para a súa colección pero que “será toda en tons negros, moi do meu rollo”.
Pola súa parte, Andión, fundada por nai e filla, Carmen Pichel e Carmen Mogo Pichel, chega á Mostra con “moita ilusión” e cualifica ao encaixe como un elemento “moi especial, que aporta aínda máis exclusividade ás nosas prendas, dándolles calidade, facéndoas máis chamativas, cun punto de artesanía, de traballo... non podes deixar de mirar o encaixe”.
Segundo Carmen Mogo Andión é“unha marca moi ecléctica, comezamos facendo blusas porque nos apetecía e guiámonos moito polo instinto, polo que nos apetece facer, e, por outro lado, só fabricamos baixo pedido, sen stock, polo que non xeramos residuos e intentamos ser o máis ecolóxicas posible dentro das nosas posibilidades”. “O encaixe é un pouco o que é Andión, coller técnicas do pasado e seguir facéndoas, estaba claro que tíñamos que ir da man”, expresa.
Andión traerá á XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas “looks nos que o encaixe cadra á perfección, serán conxuntos de blusa-falda, blusa-pantalón... e ata aquí poido ler”.