14 Marzo, 2023
O deseñador galego Franco Quintáns retomará o seu idilio con Camariñas na XXXII Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, xa que aínda que o pasado ano participase como xurado do concurso de Noveis Deseñadores, facían máis de 5 que non presentaba unha colección na pasarela do pavillón Víctor Vigo.
Alí amosará catro conxuntos da súa colección “Motomami”, integrada por vestidos de festa nos que aplica encaixe de Camariñas e, segundo indica el mesmo, o seu concurso será “un renacemento, volver ás miñas orixes e onde todo comezou, xa que o meu primeiro desfile foi en Camariñas”.
Por devires da vida, Quintáns non puido participar nas anteriores edicións, pero esta volta faille “especial ilusión, nun lugar que te acolle como un fogar e onde sempre queres voltar”, explicaba.
“O Encaixe de Camariñas apórtalle riqueza, destaca a prenda na que se aplica e outórgalle autenticidade, tradición e artesanía. Temos que potenciar a artesanía, que ten moito que dicir de Galicia e do pobo galego”, enfatizando en que “non podemos perder nunca a nosa tradición”.