O Concello elabora un proxecto de 400.000 euros para rehabilitar a Casa do Mar de Camelle e poñela ao servizo da veciñanza

O Concello elabora un proxecto de 400.000 euros para rehabilitar a Casa do Mar de Camelle e poñela ao servizo da veciñanza

  • O pasado venres aprobouse en pleno, por unanimidade, solicitar á Tesourería Xeral da Seguridade Social a cesión gratuíta da titularidade da primeira planta do edificio.
  • A actuación prevista permitirá reparar a estrutura e a envolvente e acondicionar o espazo para o seu novo uso.

 

O Concello de Camariñas aprobou o pasado venres en pleno, por unanimidade, solicitar á Tesourería Xeral da Seguridade Social a cesión gratuíta da titularidade da primeira planta da Casa do Mar de Camelle, co obxectivo de rehabilitala e convertela nun espazo de ocio, respondendo así unha antiga demanda dos veciños e veciñas da parroquia.

 

A Casa do Mar de Camelle, que no seu día foi moi utilizada para realizar cursos de pescadores, actividades ou obras de teatro, atópase agora en estado ruinoso tras máis dunha década de abandono. O goberno local xa conta cun proxecto, valorado en preto de 400.000 euros, no que se inclúen os traballos a realizar para o acondicionamento do espazo para o seu novo uso, que comprenden a renovación da cuberta, a estrutura e as fachadas, a reorganización da planta e a reposición dos acabados.

 

A actuación a levar a cabo para reparar a estrutura e a envolvente inclúe a instalación dunha nova cuberta, a renovación das fachadas, a substitución de todas as carpinterías existentes, o saneado da estrutura para eliminar humidades e óxidos e a retirada de todos os acristalamentos da planta primeira e das portas de entrada na planta baixa (onde se sitúa o consultorio de Camelle).

 

Para o acondicionamento da planta alta está previsto manter a situación da escaleira modificando a distribución para adaptala ao seu novo uso dotacional, incorporando un despacho, tres zonas para actividades e tres aseos, un deles para persoas con mobilidade reducida. Ademais, instalarase unha porta exterior automática, unha nova instalación de electricidade, iluminación e datos, novo suministro e distribución de auga fría e quente, calefacción con caldeira de gas, radiadores e renovación dos falsos teitos.

 

 

“A intención do goberno local é ir rehabilitando o inmoble pouco a pouco para poder facer uso del e que a veciñanza de Camelle teña un espazo en condicións para poder facer actividades, cursos... xa que a casa de Man está quedándose pequena e Camelle é unha das parroquias onde os nenos e nenas máis participan nas actividades que organiza o Concello”, explica Sandra Insua.