Camariñas presentará a XXXII Mostra do Encaixe en Madrid, na Feira Internacional de Turismo “Fitur” 2023

Camariñas presentará a XXXII Mostra do Encaixe en Madrid, na Feira Internacional de Turismo “Fitur” 2023

 

  • Sandra Insua presentará a trixésimo segunda edición da Mostra o xoves 19 de xaneiro no stand de Turespaña.
  • Darase a coñecer o motivo e o vídeo promocional do evento, que terá lugar do 5 ao 9 de abril baixo o lema “Camariñas está de moda”
  • O cartel desta edición mestura o encaixe, aplicado á moda, coa paisaxe máis recoñecible de Camariñas no mundo: o Cabo Vilán.
  • A Mostra volverá a lucir nas pantallas de Callao e Gran Vía durante toda a semana.

 

O Concello de Camariñas volve, outro ano máis, á Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se celebra en ifema (Madrid) para presentar, este xoves ás 18:30 horas no stand de Turespaña, a XXXII Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.

 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, será a encargada de dar a coñecer o motivo escollido para este ano e o vídeo promocional do evento, que se celebrará do 5 ao 9 de abril baixo o lema “Camariñas está de moda”.

 

No cartel desta trixésimo segunda edición, que se fai público hoxe, pódese ver a unha muller vestida con encaixe apreciando, desde unha pasarela en Reira, a paisaxe máis recoñecible de Camariñas en todo o mundo: o Cabo Vilán e o seu Faro, flanqueado polo impoñente e bravo océano Atlántico.

 

Pantallas no centro de Madrid

 

Para contribuír á difusión da XXXII Mostra do Encaixe o Concello de Camariñas, ao igual que xa fixera no ano 2020 e no 2022, decidiu levar a Mostra do Encaixe a pleno centro de Madrid. Así, aproveitando a presentación da Mostra en FITUR, programou que durante toda a semana do 16 ao 22 de xaneiro se proxecte nas grandes pantallas dixitais de Callao en Gran Vía un cartel promocional.

 

O obxectivo desta acción publicitaria é o de continuar a promocionar a Mostra do Encaixe e o turismo en Camariñas fora das nosas fronteiras, para afianzar o evento como capital da moda durante a Semana Santa e atraer un maior número de visitantes.