O son dos palillos, os reencontros e as gañas de pasalo ben enchen a IX Festa da Palilleira de Camariñas

O son dos palillos

  • Máis de 450 encaixeiras, chegadas de Galicia e doutros puntos de España, participaron nunha xornada que xirou ao redor do encaixe pero na que tamén houbo un mercado de Nadal e outros postos.
  • “Por fin volvemos a recuperar un evento que para as que nos gusta o mundo do palillo é máis unha festa que outra cousa”, salientou Sandra Insua.

 

Tras dous anos de ausencia, a IX Festa da Palilleira de Camariñas volveu por todo o alto, con máis de 450 palilleiras chegadas desde diferentes puntos de Galicia e doutras partes de España (Soria, Asturias...) para desfrutar dun evento no que os protagonistas foron o son dos palillos, os reencontros e as gañas de pasalo ben.

 

Foron aínda moitas máis as persoas que se achegaron durante toda a xornada ao pavillón para ver de primeira man a arte do palillo e do encaixe de camariñas e, ademais, botar unha ollada ao Mercado de Nadal con comercios especializados en encaixe e tamén outras tendas locais e dos arredores, sumado aos stands das comisións de festas do Carmen, Xaviña e Ponte do Porto.

 

Ademais, co obxectivo de implicar nesta festa a todos os veciños e veciñas de Camariñas, instalaronse hinchables durante toda a xornada e, pola tarde, realizouse o sorteo de dez chales de encaixe doados polas asociacións Rendas e Puntillas.

 

Na apertura da xornada a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, deulle a benvida a todas as asociacións participantes e salientou que “por fin volvemos a recuperar un evento que para as que nos gusta o mundo do palillo é máis unha festa que outra cousa”. “Estou segura de que hoxe, despois de tanto tempo, é un día de reencontros para moitas de vós. Unha xornada para poñervos ao día, para contar as vosas vivencias e, sobre todo, para desfrutar ao redor dos palillos”, afirmou.

 

Ademais, a rexedora lembrou que “a Festa da Palilleira volve a ser a antesala da Mostra, o evento de referencia para todas e todos nós. Hoxe comezan a repenicar os palillos con ese son inconfundible que xa permanecerá neste pavillón ata Semana Santa”.