08 Novembro, 2022
O Concello de Camariñas, con motivo do vinte aniversario da catástrofe do “Prestige”, celebrará este domingo, 13 de novembro, o acto “Marea Branca 2022-2022”, unha homenaxe aos centos de voluntarios e voluntarias que limparon o litoral e que se aloxaron no municipio.
O acto, que comezará ás 12 horas na Casa de Pedra, contará coa presenza da ministra de Política Territorial e Portavoz do Goberno de España, Isabel Rodríguez, ademais de representantes doutras institucións a nivel autonómico, provincial e local, do tecido asociativo e das entidades do municipio e de colectivos e persoas que no ano 2002 participaron de forma activa nas labores de limpeza do litoral.
A programación da xornada abrirase cunha mesa redonda con experiencias e relatos de persoas que viviron en primeira persoa o afundimento do “Prestige” e que estará moderada polo xornalista de La Voz de Galicia, Santiago Garrido.
Logo, tralas intervencións das autoridades, ao redor das 14 horas farase unha visita ao mural instalado na Lonxa Vella. Trátase dunha lona xigante na fachada da Lonxa Vella na que se ilustra, a través dunha fotografía do fotógrafo José Manuel Casal, un dos momentos da limpeza da costa, poñendo en valor o espectacular traballo que levaron a cabo as persoas voluntarias. Os músicos locais Belem Tajes e Fran Barcia serán os encargados de amenizar este momento.
Ademais, tamén se colocarán dúas placas conmemorativas na Casa de Pedra, edificio que foi o fogar das persoas voluntarias durante eses días, nas que, por unha banda, se recoñece a súa labor e, pola outra, se detalla a súa procedencia. Neste espazo tamén se instalará unha exposición de fotografías da fotoxornalista de La Voz de Galicia, Ana García, sobre as labores de limpeza que levaron a cabo os voluntarios.