Camariñas devolve a visita á vila irmá francesa de La Turballe

  • A alcaldesa, Sandra Insua, e as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes desprazaronse ata a localidade francesa.
  • Nos últimos meses varias persoas de La Turballe viaxaron, en bicicleta e en barcos de vela, a Camariñas.

 

Unha comitiva de Camariñas, encabezada pola alcaldesa, Sandra Insua, e as concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes, devolveu a visita á vila irmá francesa de La Turballe, tralas súas últimas visitas a terras galegas durante o verán.

 

Camariñas e La Turballe están irmandados desde o ano de 2017 e, dentro dos moitos actos levados conxuntamente entre ambos municipios, este verán desprázaronse a Camariñas, primeiro en bicicleta e logo en barcos de vela para participar nas Festas do Carme, varios veciños e veciñas da localidade francesa.

 

Así, o Concello de Camariñas decidiu continuar estreitando os lazos que os unen e programou esta visita, na que a comitiva camariñana foi recibida polo alcalde de La Turballe, Didier Cadro, e pola presidenta da Asociación La Turballe Cap Camariñas, Dominique Floch.

 

No acto os representantes franceses entregáronlle aos camariñás un cadro no que se poden apreciar os barcos de vela que estiveron en Camariñas durante as Festas do Carme e, simbolicamente, o mar que une ambos municipios.