29 Xullo, 2022
Nace unha nova colaboración froito do éxito das pasarelas “ArtEncaixe” e de Noveis Deseñadores da Mostra de Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña: o tándem formado por Susi Gesto, artesá, e Uxía Rodríguez, deseñadora participante en varias edicións dun dos eventos de moda máis relevantes a nivel nacional e internacional como o é a Mostra do Encaixe.
O Día do Traxe Galego forma trátase dunha cita moi vencellada ás Festas do Apóstolo, en Santiago de Compostela. Haberá desfiles, exhibicións, certames, obradoiros para a rapazada...Como principal novidade deste ano, terá lugar a feira de vestir “De onte a hoxe”, onde as nosas dúas protagonistas tomarán parte de maneira conxunta.
“As miñas creacións baséanse na filigrana compostelá, en metal, e esta colaboración preséntase moi interesante. As miñas pezas fundaméntanse na tradición, pero sempre me gusta innovar e por isto conto con Uxía para esta cita”, afirma Susi Gesto, quen di que “o Encaixe de Camariñas vai estar moi presente”.
Pola súa banda, Uxía Rodríguez, boa coñecedora da Mostra, ten “moita ilusión por este evento”. Colaborará coa colección presentada no concurso de Noveis Deseñadores da Mostra no 2019, “Brigos”, que se inspira tamén no traxe tradicional galego pero con toques dos festivais da época hippie ou rock. “É un orgullo para min”, subliña, quen di “estar moi ilusionada nesta colaboración e agardo sexa, a primeira de moitas”.