Sandra Insua destaca a importancia de eventos como o City of Agra para “poñer en valor a nosa historia”

  • Hoxe tivo lugar a apertura do “City of Agra, 125 anos na memoria” que se celebrará ata o 10 de xullo en Camelle e Arou.
  • “Foi aquí, no noso litoral, onde comezou a lenda da Costa da Morte, que xa é mundialmente coñecida”, salientou a rexedora.

 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, participou hoxe no acto inaugural do evento “City of Agra, 125 anos na memoria”, organizado polo Concello e a Asociación Naufraxios Galegos, e destacou a importancia de “programas como este para poñer en valor a nosa historia para que non se esqueza, para que pase de xeración en xeración e que nunca perdamos esa esencia que temos como pobo”.

 

“Poucos lugares no mundo saben máis de naufraxios que Camariñas. Foi aquí, no noso litoral, onde comezou a lenda da Costa da Morte, que xa é mundialmente coñecida”, afirmou.

 

A rexedora facía referencia a que “son moitos os camariñáns e as camariñás que sufriron directamente as consecuencias dun naufraxio, ou que teñen na familia alguén que presenciou eses tráxicos momentos” pero “se algo bo se pode sacar disto é que fai que saia á luz a esencia dun pobo, e disto temos que estar moi orgullosos”. “Os primeiros naufraxios documentados xa relataban a solidariedade, a xenerosidade e a axuda que prestaron os camariñáns aos náufragos”, salientou.

 

Sandra Insua deu os parabéns á Asociación Naufraxios Galegos “polo completo programa que logrou deseñar” e animou “a todas e todos a que vos acheguedes estes tres días a Camelle e Arou, a que visitedes a exposición e participedes nas actividades e roteiros programados”.

 

O maior programa cultural dedicado a un naufraxio

 

Do do 8 ao 10 de xullo o evento “City of Agra, 125 anos na memoria”, o maior programa cultural dedicado a un naufraxio en Galicia, que se desenvolverá en Camelle e Arou polos 125 anos da catástrofe do buque inglés.

 

A Asociación Naufraxios Galegos e o Concello de Camariñas, en colaboración coa Confraría de Pescadores de Camelle, organizan este compendio de actividades no que, ademais do programa deseñado, haberá exposición, feira mariñeira e concurso de tapas nos bares.  

 

A programación arrincará o venres, 8 de xullo, coa apertura da exposición “City of Agra, 125 anos na memoria”. Ao longo das tres xornadas haberá concertos, roteiros de naufraxios, sardiñada, foliada, pasarrúas... O domingo, 10 de xullo, día da clausura, ás 12:30 horas farase un homenaxe aos náufragos da Costa da Morte e ás 12:50 horas unha recepción de autoridades aos náufragos do City of Agra e entrega de medallas.

Cultura

Contacto Cultura

Plaza de Insuela 57 15123 Camariñas.
Teléfono: 981736000 – Fax: 981736199
Conc.Delegada de cultura:
encarna.lineiro@camarinas.net
Bibliotecaria: 
cultura@camarinas.net
Educadora: 
edu.adultos@camarinas.net