30 Marzo, 2022
O recoñecido pandeireteiro galego Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre serán os protagonista do concerto XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará o sábado 16 de abril as 22:00 horas na Praza do Mercado da vila.
O artista estivo hoxe no Museo do Encaixe coa alcaldesa, Sandra Insua, a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, e os concelleiros Sergio Caamaño e Begoña Tajes para formalizar esta nova data na súa axenda. Alí a concelleira anunciou que, antes do concerto da noite, Xabier fará un pequeno adianto do seu repertorio sobre a pasarela da XXXI Mostra do Encaixe.
Esta será a primeira actuación ao aire libre deste ano 2022 para Xabier Díaz, que continúa así coa xira de presentación de ‘As Catedrais silenciadas’ (Músicas de Salitre 2020), o terceiro e máis recente traballo coas Adufeiras de Salitre, un álbum que reflexiona sobre o despoboamento, o abandono do rural e o risco de perdermos a identidade e a cultura propia nunha sociedade como a galega.