O desfile de ArtEncaixe busca consolidarse na XXXI Mostra do Encaixe

O desfile de ArtEncaixe busca consolidarse na XXXI Mostra do Encaixe

  • Trala súa estrea na pasada edición, son 12 os artesáns que chegarán de toda Galicia.
  • A aposta polo patrimonio da comarca materialízase neste caso nas coleccións que presentará a Olería de Buño, unha das novidades.
  • A ONG Egueire intégrase este ano neste desfile, tras participar na trixésima edición.

 

A Mostra do Encaixe de Camariñas está a incorporar, ano tras ano, novidades que a fagan máis atractiva para o público e que demostren que o encaixe ten innumerables aplicacións. O desfile de ‘ArtEncaixe’, que se estreou na atípica Mostra de outubro, repetirá nesta edición buscando a consolidación.

 

Trala boa aceptación que tivo o ‘ArtEncaixe’, tanto polas firmas como por parte do público asistente, este ano son 12 os artesáns que chegarán en Semana Santa de diferentes puntos de Galicia para demostrar que o encaixe é versátil e pode adaptarse a diferentes materiais.

 

Unha das novidades é a participación da Olería de Buño, reafirmando a aposta da Mostra do Encaixe por promocionar e poñer en valor o patrimonio, a artesanía e o talento que hai na comarca. Alfarería Lista, Tendataller Feituras, Obradoiro Gorín e O Rulo serán os encargados de presentar as coleccións de olería e encaixe. Ademais, tralo gran espectáculo ofrecido na trixésima edición, a ONG Egueire integrarase neste desfile.

 

Completan o desfile de ‘ArtEncaixe’: Ana Freiría (orfebrería artística), Charo López Atelier (complementos de moda), Estilo Aramar (complementos de moda), Janet Schulz (tocados de noiva), Arteviares (artesanía en vidro), Mar Barral (laboratorio de ideas), Noelia Peña (xoiería de autor con deseños personalizados), Pilar Rodríguez ‘En Lá’ (artesanía en complementos textís), Suso Calo (artesanía en plata e talla) e Xelis Luaces (encaje experimental e aplicación).