O goberno local baixará os ingresos por asistencia dos concelleiros como unha das medidas para resolver este ano os pagos pendentes a provedores

O goberno local baixará os ingresos por asistencia dos concelleiros como unha das medidas para resolver este ano os pagos pendentes a provedores

  • A administración local aprobará en pleno un Plan de Axuste, que incorpora esta e outras medidas necesarias para acollerse ao ‘Mecanismo de pago a proveedores de las entidades locales 2022’ habilitado polo Ministerio de Facenda.
  • Hai ao redor de 500.000 euros pendentes de pago, que grazas a este procedemento se poderán liquidar dun xeito áxil para os afectados.
  • No día a día temos que asumir unha serie de competencias impropias que nos supoñen un sobrecusto provocando este retraso no pago de facturas, que temos que solucionar”, explica Sandra Insua.

 

O goberno de Camariñas proporá baixar os ingresos pola asistencia dos concelleiros e concelleiras da corporación municipal aos órganos colexiados (plenos, xuntas de goberno e comisións). Unha medida que permitirá un aforro de 10.000 euros anuais e que forma parte do Plan de Axuste que se levará este venres a pleno para a súa aprobación.

 

Incorporar un Plan de Axuste é un dos requisitos imprescindibles para executar a operación de endebedamento necesaria para acollerse ao ‘Mecanismo de pago a proveedores de las entidades locales 2022’ habilitado polo Ministerio de Facenda e que permitirá resolver ao longo deste ano os pagos pendentes a provedores, que ascenden a preto de 500.000 euros.

 

O Concello xa enviou á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) a lista de provedores, aos que agora se lles notificará a inclusión das súas facturas para que acepten o cobro a través deste procedemento. A partir de aí a tramitación será máis áxil xa que o pago non terá que pasar por pleno e isto permitirá que se liquiden durante este exercicio todas as débedas cos afectados

 

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “esta medida sae das reunións coa FEGAMP que mantivemos varios concellos que estamos na mesma situación para buscar unha fórmula que nos permitise cumprir as nosas obrigacións cos provedores” e puxo o foco sobre “as competencias autonómicas que nos vemos obrigados a asumir os concellos pequenos sen o debido financiamento, como a xestión dos cans abandonados, os servizos sociais ou o emprego e que xeran un sobrecoste que provoca un retraso no pago do resto facturas que temos que solucionar”.

 

Plan de Axuste

 

O Plan de Axuste que se proporá en pleno para a súa aprobación incorpora a baixada dos ingresos que reciben os concelleiros e as concelleiras da corporación municipal por asistencia aos órganos colexiados. Así, neste ano 2022 pasarán de cobrar 100 euros a 80 euros por pleno, de 100 euros a 80 euros por Xunta de Goberno e de 150 euros a 100 euros por comisión, o que suporá un aforro de 10.000 euros anuais.

 

No apartado de ingresos, o Plan de Axuste incorpora algunhas medidas que xa se levaron a cabo como a modificación do ICIO e outras a executar como o aumento das taxas por licencias urbanísticas e expedición de documentos, os prezos públicos do tanatorio, os do museo de Man, dos campamentos de verán ou a regulación da ordenanza de instalación de terrazas en vías públicas.

 

Tamén se prevé o reforzo da eficacia da recadación dos prezos públicos que non están delegados na Deputación da Coruña, a inspección do padrón do lixo e dos sumidoiros e a revisión das ordenanzas fiscais.