04 Febreiro, 2022
Este domingo, 6 de febreiro, Camariñas será a sede dunha das probas da Copa Galicia de Resistencia, un novo certame coordinado pola Federación Ciclismo Galego (FCG). A ‘3H BTT Circuíto da Caramiña’ está organizada polo Concello en colaboración coa Peña Ciclista Baikers do Vilán.
A competición comezará ás 10 horas e está previsto que remate ao redor das 13 horas. A recollida de dorsais para os e as participantes será o mesmo domingo desde as 8:30 ata as 9:30 horas e esixirase o certificado de vacinación con pauta completa ou un test de antíxenos para a participación na proba. Este test débese realizar cunha antelación máxima da celebración da proba de 72h.
O circuíto lévase a cabo na zona do campo de fútbol de Camariñas, que é saída e meta, e pasará por zonas emblemáticas da localidade como a praia de Lago, Portocelo, o paseo dos Señores, a Fonte da Porca, San Xurelos, Coenda...
Participan 198 bikers, que competirán en modalidade individual, por parellas ou equipos, tanto masculino, feminino ou mixto, nas seguintes categorías: Sub23 Fem., Sub23, Master 60 Fem., Master 60, Master 50 Fem., Master 50, Master 40 Fem., Master 40, Master 30 Fem., Master 30, Élite Fem., Élite, Junior Fem., Junior, Cicloturismo, Parellas Mix, Parellas Masc, Parellas Fem.