Convocadas as bases do certame de Noveis Deseñadores para a XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña

O Concello de Camariñas acaba de convocar as bases do certame de Noveis Deseñadores para a vindeira edición da Mostra do Encaixe De Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará entre os días 13 e 17 de abril de 2022.

O principal obxecto do concurso é fomentar e promocionar a aplicación do Encaixe de Camariñas na moda, concedéndose mediante a valoración do xurado oficial tres premios ás mellores coleccións, ademais dun premio especial do público. O primeiro premio constará de 2.100 euros, o segundo de 1.200 euros, e tanto o terceiro como o premio especial do público terán unha dotación económica de 600 euros cada un.

O prazo para presentar os traballos comeza hoxe, martes 7 de setembro, e remata o 3 de decembro do 2021, venres. Os catro deseños que compoñan a colección teñen que ter aplicado encaixe de Camariñas e non serán aceptados os que presenten outro material.

 

Poden concorrer á convocatoria todos os noveis deseñadores con independencia da súa nacionalidade ou país de residencia, sempre que sexan alumnas e alumnos que estean cursando estudios nos centros que impartan ensinanzas de deseño e técnicas de confección, teñan ou non os seus estudos rematados; e todas aquelas persoas vencelladas o mundo do deseño que, aínda sendo profesional no campo da moda, non formen parte dun equipo de deseño neste mundo.

 

A participación poderá facerse individualmente ou en grupo, neste último caso sendo o máximo de integrantes tres persoas. Cada aspirante presentará unha colección composta por 4 deseños. O tema e a modalidade é libre tanto para moda masculina como feminina. Quedan excluídos os deseños de moda infantil.

 

Para a presentación da documentación, poderá facerse na Casa do Concello de Camariñas, praza de Insuela número 57, en horas de oficina, de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres, e por correo postal certificado.

 

A concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, agarda “un gran éxito na participación, logo da situación adversa que todas e todos tivemos que afrontar”, apreciación á que se une Dolores Lema, directora da Mostra, que se amosa “tremendamente ilusionada por un certame que será lembrado como o primeiro tras a crise do coronavirus”.

Descargas