O Concello inaugurará este sábado, 14 de xaneiro, a nova Casa do Maior de Camariñas

  • Este novo servizo, xestionado pola cooperativa sen ánimo de lucro “Mazariñas”, está situado no Centro de Iniciativas e poderá dar atención a 5 persoas usuarias.
  • Ademais, o Concello solicitou unha subvención á para transformar o baixo do Centro de Iniciativas nun centro social.
  • Sandra Insua, destaca que “este modelo de Casas do Maior está suplindo aos Centros de Día e cremos que ten unha moi boa acollida por parte da veciñanza”.

O Concello de Camariñas inaugurará este sábado, 14 de xaneiro, ás 12:30 horas unha nova Casa do Maior no municipio, que neste caso estará situada no Centro de Iniciativas, na rúa Río do Prado, e que poderá dar atención a 5 persoas usuarias. Todas as persoas que o desexen poden achegarse ata alí para coñecer esta nova infraestrutura.

Así, o Centro de Iniciativas converterase na segunda Casa do Maior do municipio tras a posta en funcionamento da de Xaviña, que conta con outras 5 prazas. Para isto, habilitouse unha gran aula do edificio, no que tamén se leva a cabo o obradoiro de emprego, as clases de informática e outras actividades.

O servizo será posto en marcha pola cooperativa sen ánimo de lucro “Mazariñas”, que recibiu unha subvención por parte da Consellería de Política Social para a obra e para o mantemento do funcionamento, ao igual que ocorreu na de Xaviña.

A Casa do Maior é un servizo gratuíto e o transporte das persoas usuarias, que veñen derivadas por Política Social, tamén está incluído. O único gasto que deberán sufragar as familias, se o desexan, é o da comida.

O espazo habilitado conta cunha zona de actividades e outra de cociña e comedor. Ademais, hai dous baños adaptados, un deles con ducha, e un ascensor para que sexa totalmente accesible.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destaca que “este modelo de Casas do Maior está suplindo aos Centros de Día e cremos que ten unha moi boa acollida por parte da veciñanza, xa que non se centraliza toda a actividade nun mesmo lugar senón que se poden crear en diferentes puntos”. “A nosa intención é continuar aumentando a cobertura en materia social, para nós é algo prioritario”, sinala.

Solicitude para a creación dun centro social

Por outra banda, o Concello ven de solicitar unha subvención de 187.817,10 euros, con fondos europeos, para transformar o baixo do Centro de Iniciativas nun centro social e conseguir así que o edificio ofreza os mesmos servizos que os que habería nun Centro de Día.

Esta axuda encádrase dentro do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais con cargo aos fondos europeos e no marco do acordo entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Fegamp.

As actividades que se realizarán teñen como finalidade: elevar os niveis de información, fomentar a participación persoal e comunitaria, estimular o intercambio e a axuda mutua e mellorar progresivamente a forma de vida das persoas usuarias.

Igualdade e Servizos Sociais

Contacto

Casa de Pedra. Plaza de Insuela, s/n.
Tfno. 981737004 - Fax: 981736199
Concelleira de Servizos Sociais: 
begona.tajes@camarinas.net
Axente de igualdade: 
igualdade@camarinas.net